Ourense, 6 de xuño de 2025.

A Asociación Provincial de Graniteiros de Ourense (APG Ourense) participou esta semana en STONEGAL 2025, a feira de referencia para a industria da pedra natural, celebrada no recinto feiral IFEVI de Vigo, coa colaboración institucional da Deputación de Ourense.
APG Ourense, baixo o lema “A pedra que nos une” e a través dun espazo agrupado, representou de xeito conxunto un sector estratéxico para a economía da provincia, caracterizado por unha alta especialización, forte implantación territorial e ampla
experiencia exportadora.
Entre as empresas asociadas presentes no espazo común destacaron:
Canteras Pio, Canteras Río Miño, Graexcon, Graniorega, Granitos del Val, Granitos y Obras Mosquera, Grapimat Pazos, Minera de Rocas, Piedras Rabal e WDTOOLS, mostrando a solidez e diversidade do tecido produtivo da pedra en Ourense.
Ademais, cinco firmas ourensás expuxeron nos seus stands individuais, visibilizando o seu potencial competitivo e capacidade de internacionalización:
- GRAEXCON
Conta con máis de 20 anos de experiencia e canteiras propias en Galicia e Portugal. Exporta a Alemaña, Francia, Suíza, Inglaterra e Marrocos. Destaca pola variedade Grisal, así como polos seus materiais brancos e negros.

- GRANITOS DEL VAL
Presenta materiais exclusivos como o Gris Piñor e o Rosabel, recoñecidos en Europa, África e Asia. Defende a calidade do granito galego en todo o proceso produtivo.

- MINERA DE ROCAS
Cunha traxectoria de 35 anos, explota a maior canteira de granito da Península — variedades Gris, Branco e Silvestre Moreno— situada en Melón (Ourense). Busca reforzar o prestixio internacional do granito galego.

- PIEDRAS RABAL
Especialista en pedra natural desde a extracción ata a obra, con 40 anos de experiencia e canteira propia de Moreno Rabal e Gris Rabal.

- WDTOOLS
Con sede en O Carballiño, deseña e fabrica maquinaria e ferramentas para o sector da pedra. En STONEGAL presentou as súas últimas innovacións tecnolóxicas.

“Feiras como STONEGAL son fundamentais para abrir novos mercados, xerar alianzas comerciais e reforzar a posición de Galicia como referente internacional na pedra natural”, destacan desde APG Ourense.
Próxima actividade: Xornada Técnica “Normativas, oportunidades e recursos para o sector da pedra natural”
APG Ourense organiza o mércores 18 de xuño, en horario de 13:00 a 15:00 h, na súa sede (Praza das Damas, 1 – Ourense), unha xornada dirixida a empresarios/as e profesionais do sector do mármore, o granito e a pedra natural. O obxectivo é abordar os riscos derivados da exposición ao po de sílice, así como as implicacións normativas, legais e técnicas que afectan directamente ás empresas.
Durante a sesión trataranse, entre outras cuestións:
- Consecuencias legais do traballo con sílice
- Obrigas normativas e como cumprilas
- Boas prácticas para minimizar riscos
- Sancións: que se xoga o empresario e como evitalas
- Oportunidades e axudas dispoñibles para o sector
A xornada rematará cun espazo de networking con ágape, para compartir experiencias e crear novas sinerxías entre profesionais.
Máis información e inscricións: